DÍA INTERNACIONAL DA HEPATITE
O 28 de Xullo, desde 2010 en que foi instituído pola Organización Mundial da Saúde, celébrase o Día Internacional da Hepatite. O obxectivo desta xornada é concienciar a poboación e estimular políticas encamiñadas á loita contra a enfermidade.
Este ano, lánzase a desde a OMS a Estratexia NoHep, que pretende acabar coas hepatites víricas no mundo para o ano 2030.
Os gobernos galego e español, unha vez máis, omiten calquera acción pública arredor desta data. E, unha vez máis, somos nós como organización de pacientes quen ten que facer o que deberan estar a facer as autoridades sanitarias. Por iso lanzamos unha campaña masiva de información sobre a necesidade de que determinados colectivos se fagan probas de detección. Máis do 60% das persoas infectadas polo VHC non o saben, ou sexa, en Galicia hai cando menos 25.000 persoas infectadas que non están diagnosticadas. Padecen unha enfermidade mortal que pode ser facilmente curada, pero ignórano. Coñecer, neste caso, é curar. Por iso é incomprensible que a Consellería incumpra de xeito manifesto o establecido na Liña Estratéxica 1 do Plan: “Promover el diagnóstico precoz en poblaciones prioritarias”
A nosa campaña neste caso consiste na distribución de 10.000 folletos infor-mativos e 500 carteis, cos que pretendemos chegar a todas as zonas do país, alertando da necesidade de que determinados colectivos de maior risco soliciten das súas/seus médicos de Primaria a realización dunha seroloxía que permita determinar se están infectadas. Trátase dunha simple análise de sangue que permite detectar a presenza de anticorpos do VHC e iniciar o itinerario de diagnose e tratamento encamiñándoos aos correspondentes servizos de mediciña especializada.
Tamén queremos aproveitar a xornada para reivindicar que, unha vez que xa foron tratadas e curadas a inmensa maioría dos pacientes en fases F4, F3 e F2, é necesario modificar de inmediato o Plan Estratéxico para poder tratar a todos os enfermos F0 e F1. Cando os casos máis graves xa están tratados non ten sentido que as persoas infectadas teñan que agardar a sufrir dano hepático para poder ser curadas.
Podes acceder á información sobre o programa NoHep nesta ligazón e tamén ver o vídeo (subtitulado en español) da campaña internacional.
MEDICACIÓN PARA TOD@S! PREVENCIÓN E DETECCIÓN! ACABEMOS COA HEPATITEC!