Aprobada a Iniciativa sobre tratamentos a pres@s 1


O pasado día 27 de xaneiro o Parlamento de Galicia aprobaba a Proposición Non de lei (PNL) que a nosa Plataforma presentara a través dos grupos de oposición a finais de agosto pasado. Era a a Terceira vez que esta PNL se debatía na Cámara.

VotaciónA PNL fai un relatorio de cal é a situación de prevalencia da Hepatite C nos cárceres galegos e a imposibilidade de acceder aos tratamentos por parte das persoas presas afectadas debido á liorta que manteñen o SERGAS e Instituciones Penitenciarias a respecto de quen ten que costear os tratamentos. Por iso, na súa parte dispositiva, no punto primeiro insta á  Xunta de Galicia “a tomar as medidas necesarias para que, de acordo cos principios e preferencia de dereitos establecidos polo TSXG na súa sentenza de 20 de maio de 2015, o SERGAS proceda a dispensar sen máis dilación os novos fármacos para a Hepatite C a todas persoas internas nos centros penitenciarios galegos para as que están establecidos estes tratamentos no Plan Nacional”, e no segundo a “establecer un sistema coordinado entre o SERGAS e a Dirección General de Instituciones Penitenciarias que permita a aplicación efectiva e máis eficaz posible do disposto no Plano para a abordaxe da Hepatite C no ámbito dos centros penitenciarios radicados en Galicia”.

Na primeira ocasión foi levada á Comisión de Sanidade e Igualdade, e logo debatida en Pleno o 30 de setembro, nesta ocasión acompañada dunha concentración de membros da Plataforma ás portas do Parlamento. En ambos casos, tras ser defendida por todos os grupos de oposición, a PNL foi rexeitada cos votos en contra do Grupo Popular.

Finalmente, no debate que se celebrou o día 26 de xaneiro, o voceiro popular de Sanidade anunciaba que votarían en contra da súa aprobación íntegra, accedendo a votar favorablemente o punto segundo e negativamente o primeiro.

Sen embargo, a presión da nosa Asociación, apoiada por todos os grupos opositores do Parlamento, aproveitando o período preelectoral, coas eleccións autonómicas á vista, e o cambio na cùpula da Consellería frutificou en que finalmente o PP modificasse o sentido do seu voto, polo que na votación do día 27 a PNL foi aprobada por unanimidade dos deputados da Cámara autonómica.

Esta aprobación supón un importantísimo avance na loita que vimos mantendo desde o pasado mes de agosto en diferentes frontes (Consellería, Fiscalía Superior de Galicia, Valedora do Pobo e Parlamento) para que o Plan Nacional para a Heptite C chegue tamén ao interior das prisións, poñendo fin a unha situación intolerable de abandono e conculcación de dereitos fundamentais para as persoas internas nos centros penitenciarios de Galicia.

Agora  a nosa presión está centrada en que a Dirección Xeral de Asisitencia Sanitaria do SERGAS poña de inmediato en marcha os mecanismos para dar cumprimento a este acordo do Parlamento.

Na mesma sesión do Parlamento, na sesión de control, o Presidente da Xunta foi interrogado sobre a situación das persoas afectadas pola Hepatite C e a denuncia da Fiscalía, refugando abertamente a cuestión, á que non deu resposta.

Neste vídeo podes escoitar a valoración feita polo Presidente da Plataforma ao remate do Pleno do Parlamento.


Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*

Un comentario en “Aprobada a Iniciativa sobre tratamentos a pres@s