Texto Íntegro da PNL sobre tratamentos nas prisións


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O pasado día 1 de abril entrou en vigor o Plan Nacional para el Abordaje de la Hepatitis C en el Sistema Nacional de Salud, aprobado polo Ministerio de Sanidad e ratificado pola Mesa Interterritorial de Sanidad.

Este plano recolle, no informe de situación respecto de esta enfermidade no estado, a pavorosa situación sanitaria que o virus da Hepatite C provoca entre a poboación reclusa en centros penitenciarios, donde a prevalencia da infección é de un 20,3%, 9.063 persoas segundo a cifra que figura na páxina 29 do Plano, unha cifra só comparable ao 24% de prevalencia que se rexistra en Exipto, o país con maior afectación do mundo de acordo cos informes da OMS. Isto equivale, traducido aos seis centros penitenciarios de Galicia, a un número en ningún caso inferior a 750 internas e internos infectados.

A isto temos que acrecentarlle o feito de que, de acordo cos datos do propio informe, un 26,8% das persoas en situación de reclusión afectadas están coinfectadas polo Virus de Inmunodeficiencia Humana, o que provoca unha máis rápida evolución da enfermidade hepática, polo que se determina que as persoas coinfectadas serán obxecto de atención prioritaria dentro da aplicación do Plan.

A Liña Estratéxica 1 do Plano aprobado polo Ministerio, identifica como poboación prioritaria en materia de prevención para reducir a incidencia da Hepatite C as “persoas internas en Institucións Penitenciarias”.

En contraste coa situación descrita, o número de persoas internas en centros penitenciarios do territorio galego que están a ser tratadas cos novos fármacos é insignificante. A excepción de tres internos no centro de Pereiro de Aguiar, non hai constancia de máis afectados que teñan recibido a través do SERGAS estes fármacos iniciando o seu tratamento en prisión. Apenas podemos engadir a esta cifra algún interno que ingresou co tratamento xa iniciado ou que o iniciou durante un ingreso hospitalario. En total a cifra de internos tratados por unha ou outra circunstancia non superaría a decena.

Esta situación de falta de dispensación destes fármacos con altísima eficacia para a curación da hepatite ás persoas presas responde exclusivamente a unha decisión tomada en base ao disenso entre a Consellería de Sanidade e o Ministerio del Interior respecto de que administración debe facerse cargo do custo dos tratamentos.

En novembro de 2014 o Xulgado do Contencioso Administrativo nº1 de Santiago de Compostela, en peza separada no preito entre SERGAS e Ministerio do Interior no que se intenta dirimir quen debe facerse cargo do tratamento de un recluso enfermo de Hepatite C, dita medida cautelar obrigando á administración sanitaria autonómica a dispensarlle o tratamento a este doente en tanto se non se resolva a cuestión de fondo do litixio. O SERGAS decidiu apelar este auto diante do TSXG.

O TSXG en sentenza de 20 de maio de 2015 confirma esa medida cautelar, condenando ademais ao SERGAS ao pago das costas do recurso. Nos fundamentos de dereito desta sentenza o TSX establece que “non negado polo Letrado autonómico que, ao seu xuízo, o interese concorrente é de índole económica, exclusivamente, entendemos, co xuíz a quo, que debemos dar preferencia ao dereito á saúde, xa que a diatriba sobre quen (Administración estatal ou autonómica) debe dispensar o medicamento e, por ende, correr cos gastos asociados, ten un carácter secundario e, desde logo, plenamente resarcible en caso de sentenza desestimatoria no preito principal, a diferenza do risco mediato ou inmediato que, en caso de non acceder á medida cautelar, con certeza sufriría o interno na súa integridade física”.

Por outra parte, diante da negativa por parte do SERGAS á dispensación destes tratamentos a persoas en situación de reclusión penitenciaria, a Dirección General de Instituciones Penitenciarias comezou a finais do pasado mes de xuño a ofertar a aqueles e aquelas internas que teñen prescritos os novos tratamentos por parte dos servizos de mediciña especializada habilitados polo SERGAS a posibilidade de ser trasladados aos penais Madrid II e Madrid V para recibir os tratamentos. Esta solución supón un agravamento nas condicións de cumprimento de condena para as persoas afectadas ao afastalas do seu contorno social e practicamente privalas do dereito de visita durante períodos de 12 ou 24 semanas, dependendo da súa pauta de tratamento.

Esta solución resulta aínda máis chocante tendo en conta que outros fármacos, de dispensación en farmacia hospitalaria e administración ambulatoria, como é o caso dos utilizados no tratamento da infección por VHC, fanse chegar as e os doentes reclusos desde os correspondentes servizos de farmacia do sistema público galego a través dos servizos médicos dos distintos centros penitenciarios. Solución esta que non implica prexuízo adicional algún para eses doentes e que tampouco prexulga quen deba afrontar finalmente os custos farmacéuticos inherentes.

Por outra parte, a dispensación directa polo do Ministerio do Interior, no caso de que resultase ser este quen deba correr con eses gastos farmacéuticos, tampouco supón aforro algún para esa administración por canto o prezo dos fármacos é o mesmo para todas as administracións sanitarias e, aos custos de liquidar eses prezos ao SERGAS terían que engadirse os derivados do traslado das internas e internos aos mencionados centros penitenciarios e de volta a aquel no que veñen cumprindo condena.

Por estes motivos o Grupo ……………….., presenta a seguinte Proposición Non de Lei para o seu debate en Pleno:

1. O Parlamento de Galicia insta ao goberno da Xunta de Galicia a tomar as medidas necesarias para que, de acordo cos principios e preferencia de dereitos establecidos polo TSXG na súa sentenza de 20 de maio de 2015, o SERGAS proceda a dispensar sen máis dilación os novos fármacos para a Hepatite C a todas persoas internas nos centros penitenciarios galegos para as que están establecidos estes tratamentos no Plan Nacional para el Abordaje de la Hepatitis C en el Sistema Nacional de Salud.

2. O Parlamento de Galicia insta ao goberno da Xunta de Galicia a establecer un sistema coordinado entre o SERGAS e a Dirección General de Instituciones Penitenciarias que permita a aplicación efectiva e máis eficaz posible do disposto no Plano para a abordaxe da Hepatite C no ámbito dos centros penitenciarios radicados en Galicia.

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*