Dous meses despois de aprobarse a PNL no Parlamento os tratamentos seguen sen chegar aos cárceres mentres a Valedora do Pobo mira para outro lado


Desde o pasado mes de xullo a Plataforma Galega de Afectados e Afectadas pola Hepatite C vén denunciando a situación dos doentes recluídos nos cárceres galegos. En paralelo, a asociación despregou contactos e xestións con diferentes institucións políticas para buscar solución a unha situación gravísima que, ademais de comprometer a saúde e mesmo a vida das persoas, supón un incumprimento do establecido no Plan Estratéxico aprobado polo Ministerio de Sanidade e as Comunidades Autónomas.

Froito desas xestións, o Fiscal Superior de Galicia emitiu un decreto o 30 de decembro pasado no que, entre outras cousas, establece que o número de reclusas e reclusos internos nos centros penitenciarios de Galicia que padecen a enfermidade é de 654, dos que 165 precisan tratamento. Recoñece no mesmo decreto que só os que aceptan ser trasladados a Madrid reciben tratamento e que “os que non aceptan o traslado non reciben a prestación farmacolóxica”. Tras analizar diversa xurisprudencia, nos fundamentos de dereito do decreto conclúe que se deben adoptar vías de solución “por exemplo, prestando o servizo o SERGAS e asumindo o seu aboamento Institucións Penitenciarias”.

Esta situación tamén foi denunciada pola Plataforma diante da Valedora do Pobo, quen en base á queixa incoou expediente o 15 de setembro requirindo a Consellería que facilitase a información ao respecto no prazo de 15 días. O 9 de decembro, tres meses despois, a Valedora nos remite un novo oficio no que nos informa de que ValedoraA Consellería de Sanidade persiste na súa actitude de non enviar a información requirida en relación coa súa queixa, a pesar de que a demandamos en dúas ocasións”. Engade nesa comunicación que “no caso de persistir esta actitude procederemos a realizar unha advertencia sobre as súas consecuencias legais”. Desde aquela por parte da Asociación se ten contactado reiteradamente coa oficina da Valedora interesándonos polo avance do expediente. En cada ocasión se nos dixo que “pronto” habería novidades. Á vista de que non se producira ningún resultado nin avance no expediente, o día 21 de marzo a Plataforma enviou un novo escrito á Valedora no que manifesta o seu malestar pola xestión que esa institución está a facer do mesmo. No escrito se manifesta a queixa porque, despois de tan dilatado tempo, non se teñan formulado as advertencias legais ás que a propia Valedora aludía na súa comunicación de setembro. Tras lembrar que o artigo 22.1 da Lei do Valedor do Pobo permite que o prazo inicialmente dado por esta á Consellería de 15 días se prorrogue ata un mes, solicítase que transcorridos seis meses se aplique o que establece o artigo 22.2 da mesma lei: “a negativa ou neglixencia de calquera organismo, funcionario ou dos seus superiores responsables ao envío dos informes solicitados poderá ser considerada polo Valedor do Pobo de Galicia como hostil e entorpecedora das súas funcións, facéndoa pública de inmediato e destacando tal cualificación no seu informe anual ou especial, de ser o caso, ao Parlamento”. Ata hoxe non temos recibido resposta algunha da institución encargada de velar pola defensa das e os cidadáns ante as administracións.

Por outra parte, o pasado día 27 de xaneiro o Parlamento de Galicia aprobou a Proposición Non de de Lei que a Plataforma presentara a través dos grupos de oposición, despois de ter sido rexeitada en dúas votacións anteriores. A PNL, que nese Pleno recibiu apoio unánime ao mudar o seu voto o Grupo Popular, insta á Xunta a “dispensar sen máis dilación os novos fármacos para a Hepatite C a todas persoas internas nos centros penitenciarios galegos” e a “establecPARLAMENTO (09)er un sistema coordinado entre o SERGAS e a Dirección General de Instituciones Penitenciarias” para resolver as cuestións de financiamento. Desde a Plataforma solicitamos repetidamente reunirnos co Director Xeral de Asistencia para coñecer os seus plans ao respecto e intercambiar impresións sobre o mellor xeito de aplicar o acordo parlamentario, sen que esa reunión teña podido materilizarse. A día de hoxe, case tres meses despois de que o Parlamento adoptase a resolución, a situación no interior das prisións non mudou o máis mínimo.

Diante desta inacción por parte das autoridades, a Plataforma Galega de Afectados e Afectadas pola Hepatite C vese obrigada a poñer en coñecemento da opinión pública a situación que, ao noso xuízo supón un desdén por parte do SERGAS ao que aprobou o Parlamento e unha deixación das súas funcións de protección fronte as administracións por parte da Valedora do Pobo. A nosa asociación ten constancia da existencia de enfermos en situación grave nos cárceres galegos que non están sendo tratados e advirte ás autoridades implicadas de que as fará responsables das consecuencias que para estes enfermos poidan producirse.

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*